No fondo do mar de Illa Fantasía, a máis de 300 leguas baixo o mar, onde todo é escuridade, unha xigantesca cúpula de cristal aluminada, enche de luz o fondo mariño coma unha grande lúa chea. No seu interior : ISÓTITA, territorio de Illa Fantasía oculto no fondo mariño. Conta o Grande libro da illa, que houbo un tempo onde todos os territorios foron invadidos por unha tribo de bárbaros que tiñan poderes para enmudecer ás mulleres,facían traballar aos nenos e nenas nas minas, escondía en furnas profundas aos enfermos e obrigaban a tódolos habitantes a vestir iguais, con uniformes grises, levando ocultos o pelo e a cara . Derrubaron as escolas e prohibiron ás mulleres aprender a ler e a escribir, queimaban os libros, e perseguían a todo o que falaba na rúa ou escribía ou lía en público. Eran violentos, non respectaban nada, e abicábanse a cortar árbores para construír muros e erguer valados ao redor das súas casas. Todo o chimpaban ao mar : animais enfermos, gasas, roupa vella, ferros, cravos….Ata que a marea tornouse negra….
Hoxe recibimos a visita da capitá , a pirata Mariana, tamén coñecida como a Meiga do mar ou a Dama Gris. Deixou o seu galeón o “Stella Maris” na praia de Sopazos aínda que non se pode ver porque está cuberto por unha tea que o fai invisible. Traía con ela unha esfera de cristal que tiña dentro un raio reflectindo unha luz branca se poñías as túas mans enriba. Era unha burbulla , que semellaba a cúpula de cristal onde habitan os descendentes daquelas persoas salvadas por Mariana. Esa burbulla representaba Isótita. Un territorio onde o respecto, a liberdade e o amor por tódalas persoas e seres vivos é a lei máis prezada. Unha sociedade que convive en paz e en igualdade, Este valor: a igualdade, é o significado da palabra grega ISÓTITA, nome deste territorio da illa ,no fondo do mar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario