O Ministerio de Educación e Formación Profesional ( MEFP) acordou onte, 15 de abril de 2020, coas
Comunidades Autónomas que se manterá a
actividade educativa durante o terceiro trimestre, de momento a
distancia, en función das restricións sanitarias, e que o curso non se prolongará máis aló do mes de
xuño. Durante o período estival as administracións organizarán ou apoiarán
a realización de actividades de reforzo voluntarias.
MEFP e as CCAA acordaron (...) a avaliación será continua, a promoción de
curso será a norma xeral (...) . Decisión que, en todo caso, será tomada polo
claustro de profesores no seu conxunto.
Este terceiro trimestre aproveitarase para a recuperación, o repaso e o reforzo con actividades globalizadoras e interdisciplinares e
debidamente titorizadas. A actividade
centrarase nas aprendizaxes e competencias imprescindibles evitando sobrecargar ao alumnado.
Unha vez finalizado o curso, durante o verán, as administracións
organizarán ou apoiarán a realización de actividades de reforzo voluntarias combinadas
con actividades lúdicas, contando co concurso do voluntariado e en contacto cos
centros educativos e os seus docentes.
De cara ao próximo curso, o MEFP e
as CCAA acordaron que as Administracións educativas, os centros e o profesorado
organizarán plans de recuperación e adaptación do
currículo e das actividades educativas, que permitan avanzar a todo
o alumnado e especialmente aos máis atrasados. Atoparedes máis información no
seguinte enderezo: REUNIÓN MEFP Y CCAA
De todo o
exposto concluímos:
- Non
podemos avanzar contidos, polo que non ten sentido repartir os libros do
terceiro trimestre, como nos suxería algunha familia. En todo caso, poderemos
retomar estes, se nos incorporaramos ás aulas antes do fin de curso ou no primeiro
trimestre do vindeiro.
- Despois da reunión co Ministerio estamos a esperar as instrucións da Consellería de Educación, que previsiblemente irán na mesma liña do que vos comentamos.
Pedirvos
desculpas porque entendéramos que o concello levaría a casa fotocopias a quen
non tivésedes impresora e/ou Internet. Só levarán fotocopias coas capturas de pantalla a aqueles que non
teñan acceso a Internet. Polo que subiremos actividades sinxelas ao blogue, que
non son obrigatorias. É dicir, que o
que non as queira realizar está en todo o seu dereito. No caso de que a actividade proposta xire
ao redor dun vídeo poderedes planificar outra actividade se non tedes acceso a
Internet e o estades a consultar a través do voso teléfono. Para
nós está a ser moi difícil planificar actividades tendo en conta a gran
diversidade de situacións persoais dos nosos alumnos e alumnas, polo que vos
pedimos a vosa comprensión. Nós tamén estamos confinadas, estamos a traballar
desde casa, temos fillos... A situación é complicada para todos e desde logo
non queremos amolar a ninguén. Repetimos que o que subimos son propostas, non
estades obrigados a facelas e en todo momento facilitámosvos un correo para que
nos fagades chegar as vosas suxerencias.
Mandámosvos moito ánimo para todos e todas.
Un forte abrazo para os máis pequenos e pequenas
da casa
Biquiños
para todos e para todas.